![]()
O manifesto que logo se reproduce,
foi aprobado nunha reunión de profesionais sanitarios que tivo lugar no local de
Federación de Asociación de Veciños de Vigo o Venres día 20 de decembro de 2002,
cando o chapapote chegaba por primeira vez ás Illas Cies e os mariñeiros
libraban unha heroica loita para evitar a invasión da nosa ría. En plenas festas
navideñas, entre o 20 de nadal de 2002 e o 3 de xaneiro de 2003 subcribiron o
manifesto os 428 profesionais sanitarios da Área de Vigo que figuran como
asinantes e que coas suas aportacións económicas sufragaron o custe desta
publicación.
Plataforma
de Sanitarios/as de Nunca Máis
da
Ría de Vigo.
§
A marea
negra do Prestige, alén dun enorme problema ecolóxico e económico, é tamén un
problema sanitario e de saúde pública.
§
Queremos que
a nosa solidariedade coa xente do mar vaia máis alá das palabras e sexa útil,
polo que nos poñemos, desde xa, a disposición das cofrarias e dos concellos
galegos que están organizando a loita contra a marea negra, para integrarnos
nos dispositivos sanitarios que existen ou que consideren oportuno
establecer.
§
Somos
conscientes de que o voluntariado, do que facemos parte, é a resposta espontánea
dunha sociedade que se mobiliza pola supervivencia do seu medio natural e do seu
pan cotián. Sen embargo, a administración ten a responsabilidade fundamental
de organizar a resposta social diante dos problemas e, sen embargo, a
Consellería de Sanidade e o SERGAS non están liderando a resposta cidadán no
campo sanitario e teñen a obriga de facelo.
§
No
inmediato, pedímoslle ao SERGAS que nos facilite o acceso ao material
sanitario (fármacos, material de curas, ...) e de infraestructura (locais
sanitarios, ...) que precisaremos para que a nosa actividade de
voluntariado, xunto á xente que retira o chapapote, sexa eficaz.
§
Esperamos
das autoridades sanitarias que saian do seu letargo e reclamámoslle
ao SERGAS que organize os dispositivos asistenciais especiais que neste momento cómpre establecer: nos
portos xunto aos mariñeiros que volven de combater a peste negra no mar, nas
praias xunto a xente que se esforza en retirar a chapapote das area e das
rochas. A experiencia do dispositivo creado en Cangas pode indicar o camiño, un
dispositivo mixto cheo de flexibilidade: empregando os recursos ordinarios do
SERGAS e contratando a persoal específico a maiores; utilizando as instalacións
do centro de saúde e creando dispositivos a pé do problema, na lonxa xunto ao
peirao e nas praias.
§
Para a nosa
desgracia, Galiza
é o escenario dun experimento epidemiolóxico de grandes
dimensións, unha marea
negra de grande magnitude afectando a zonas costeiras cunha elevada densidade de
poboación. As autoridades sanitarias deben recuperar a información
epidemiolóxica dos casos que presentaron problemas agudos de saúde, e deben
definir e identificar as cohortes de persoas con graos relevantes de exposición
ao fuelolio, de xeito que se poda facer un seguimento dos seus problemas de
saúde a curto, medio e longo prazo, para contribuír a incrementar o coñecemento
científico nun campo no que se sabe moi pouco e, sobre todo, para poder tomar as
medidas preventivas correspondentes no caso de ser necesarias. Desgraciadamente,
a grande debilidade das estructuras de Saúde Pública no noso país, evidenciase
en situacións como a que estamos a vivir.
§
Integrámonos como colectivo profesional na
Plataforma Nunca Máis, unindo o noso esforzo a loita solidaria doutros
sectores da poboación galega. Estamos convencidos de que miles de sanitarios
galegos comparten a nosa inquedanza, e queremos animalos a que se integren na
nosa Plataforma (telefone 986-221510) e a que noutras zonas do país se
constitúan plataformas similares á nosa.