HISTORIA DO CAMIÑO DE SANTIAGO
POR VALDEORRAS

Resumo elaborado por D. Federico Prieto
da charla-coloquio do historiador valdeorrés
Antonio Castro Voces,
perante os alumnos de bacharelato
e 4º curso da ESO,
o día 21 de febreiro de 2002)


Antonio Castro Voces abriu o seu parlamento afirmando que a Santiago van moitos camiños. O de máis entidade é o descrito no "Codex Callistinus", chamado Camiño francés, que, dende Roncesvalles, entra en Galicia por León. É a ruta, dixo, do 90% dos peregrinos que se achegan a Santiago. Pero hai tamén o Camiño do Norte, por Oviedo, Fonsagrada, Lugo... O Camiño Inglés por Ferrol... A ruta da plata por Benavente-Ourense ou Benavente-Astorga e "O Camiño Portugués" por Tui. Estes son os máis coñecidos, os de máis sona.

Falamos do camiño por Valdeorras non en competencia cos outros camiños, se non, coma ruta alternativa e secundaria seguida polos pelegrinos en certas circunstancias e especiais condicións climatolóxicas.

1.- RAZÓNS
:
a - Na orografía e na climatoloxía. O tránsito polo val do Sil é moito máis doado que polos camiños do Cebreiro, imposible de superar en invernos duros e prolongados. Valdeorras, ademais, contaba con infraestructuras viarias importantes: A clazada romana, chamada Via Nova (Astorga-Braga) e varios Camiños Reais.
b- No atractivo espiritual do Santuario das Ermidas. No século XVI e seguintes, o Santuario, construído en 1634, adquiriu sona fóra de Galicia. Artisticamente é unha mostra do barroco rural galego; espiritualmente, coma outros santuarios, foi foco de primeira magnitude dentro e fóra da diócese de Astorga.

c - Nos feitos. Entre os feitos reseriables máis importantes, o conferenciante mencionou a existencia de :
- Igrexas románicas (poucas): Aproba, Portela, Xagoaza...
- Elementos decorativos referidos ó Apóstolo, "efectos xacobeos", en Rubiá, Castelo, Mones ...
- Adicación de templos ó Patrón Santiago en Forcadela, Petín, Correxais...
- Hospitais, entendidos estes como centros de recollida e axuda de peregrinos, con cams, sábanas, mantas. En Xagoaza, O Barco, A Rúa, As Ermidas... (séculos XII-XVI)
- Asentamento de Órdenes Militares: Os Templarios de San Xoan de Malta que protexían ós camiñantes.
- Pontes (Portomourisco), ventas (A Rodeleira), mesóns (As Ermidas). Pousadas (Larouco).

d- Fontes manuscritas. Na opinión de Castro Voces non hai moitos traballos. Cóntase coa documentación dos libros de fábrica das parroquias. Os datos coñecidos tamén son poucos: no ano 1712 morreu en Vilamartín unha muller de Nápoles que viña de Santiago. No 1806, naceu en Rubiá unha nena, filla dunha muller navarra que camiñaba a Santiago.
Estes acontecementos dan fe do paso do Camiño de Santiago por Valdeorras e permite mante-la tese do tránsito de moitos peregrinos por estes lares xa que, non é doado que se desen estes acontecementos.

2.- TRAZADO:
Castro Voces falou de dous itinerarios, un coincidente coa calzada romana e outro co Camiño Real. O primeiro partía de Molinaseca, en León, e seguiría por Cacabelos, Toral e entraría en Galicia por Cabarcos, pasando por Oulego, Robledo, Rubiá, Rodeleira, Vilanova, Castros, Veigamuiños, A Proba, Arcos (restos dunha necrópole), Vilamartín, A Rúa, A Cigarrosa, onde onde ramificaría en tres ramais:
- As Ermidas- Ruta da Plata
- Ourense- Ruta da Plata
- Quiroga Portomarín.

O segundo sería seguindo o Camiño Real (posterior ó século XVI) que partindo do mesmo lugar seguiría pola marxe esquerda do río Sil.
A conferencia rematou cun pequeño diálogo no que, a preguntas dos asistentes, Castro Voces falou do Santuario das Ermidas, a súa perla intelectual, da escola, da preceptoría e do Seminario ubicados alí durante anos e do Pablo VI coma continuador da estela docente e social diocesana da bisbarra.